Paco, o alcalde de Santorén, unha vila da Costa Morte, sofre un pesadelo pola morte do cabo Agapito, a quen atoparon na corredoira do monte coa cabeza desfeita por tres disparos. N...
Más información
Paco, o alcalde de Santorén, unha vila da Costa Morte, sofre un pesadelo pola morte do cabo Agapito, a quen atoparon na corredoira do monte coa cabeza desfeita por tres disparos. Nesa noite, Paco recordaba o que lle dixera Lucía, cando os dous eran militantes dun partido clandestino formado por a penas un cento de revolucionarios: "deixar de ser novo era cifrar as aspiracións dunha vida non en salvar a Patria, senón en chegar a alcalde dunha vila de segunda". Podería ser certo, pero para este médico, dedicado á actividade política, a vida tampouco lle ía tan mal, despois de pasarse ao partido conservador e a pesar do permanente litixio que mantiña con Pousada, o alcalde de Mirandela, pola delimitación da extrema entre os dous concellos. Un conflicto que o desacougaba e ao que non era alleo, tampouco, o destino do Monte, ese faro de luz branca, o último paraíso que quedaba na comarca, onde teimaba en ubicar un vertedoiro para o tratamento dos residuos. Outro feito que o enfronta co seu propio fillo, Antonio " O Roxo", o inquedo estudiante de Físicas, o ecoloxista e líder da oposición veciñal contra o vertedoiro que propón un plan alternativo de reciclaxe integral. Ademais, Paco mantiña unha actividade secreta, a da escritura dunha colección de vidas paralelas, vidas de heroes que publica baixo o alcuño de Roi de Neisón na páxina web do Batallón Literario da Costa da Morte. Vidas como a de Roque Dalton, o comandante Che Guevara ou Rosa Luxemburgo. Paco, sen dúbida, agacha con esas vidas paralelas a súa loita na procura do paraíso.
Teoría do caos é a novela de madurez de Marilar Aleixandre, unha das nosas máis importantes narradoras, coidadosamente construída en forma de traxedia clásica e estructurada sobre tres planos que se van intercalando. Novela ambiciosa e aberta propón aos lectores múltiples lecturas do enfrontamento dialéctico de dúas xeracións e a confrontación de formas de entender o xeito de conquistar o paraíso, de recuperar a levidade, de vivir a vida.
Marilar Aleixandre (Madrid, 1947). Vive en Galicia dende 1973. Doutora en Bioloxía. Catedrática de Ciencias Naturais de Ensino Medio. Catedrática de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela. É membro da Real Academia Galega. Colaboradora das revistas "Nó", "Luzes de Galiza" e "Festa da palabra silenciada". No eido da poesía, recibiu o Premio Esquío por "Catálogo de velenos" (1999), o premio Caixanova por "Mudanzas" (2008), tendo publicado, ademais, o volume "Desmentindo a primavera" (Xerais 2003) e "Ovella descarreirada" (Xerais 2014). Colaborou como guionista con Fran Bueno na banda deseñada "Os Escachapedras", e publicou a biografía "Castelao segundo Rañolas" (2000). Como narradora ten publicado: "A formiga coxa" (Xerais 1989), novela xuvenil; "O rescate do peneireiro" (Xerais 1990), novela xuvenil; "Tránsito dos gramáticos" (Xerais 1993); "Nogard" (1994); "A expedición do Pacífico" (Xerais 1994), Premio Merlín e Premio da Crítica á creación literaria en galego en 1995; "Lobos nas illas" (Xerais 1996), relatos; "O trasno de Alqueidón" (Xerais 1996), contos infantís, Premio Rañolas 1996 ao mellor libro infantil do ano; "A Compañía Clandestina de Contrapublicidade" (1998), Premio Álvaro Cunqueiro; "A banda sen futuro" (Xerais 1999), Premio Lazarillo e Premio Lecturas Galix 2001; "Lapadoiras, Sacaúntos e Cocón" (1999), conto infantil; "Unha presa de terra" (2001), Premio La Voz de Galicia de novelas por entregas; "Teoría do caos" (Xerais 2001), Premio Xerais; "Paxaros de papel" (Xerais 2001), álbum; "O chápiro verde" (2001, Xerais 2003), conto infantil; "Basilisa, a princesa sapiño" (2002), conto infantil; "Rúa Carbón" (Xerais 2005), novela finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2006 e "A Cabeza de Medusa" (Xerais 2008), novela gañadora do Premio Fundación Caixagalicia de Literatura Xuvenil 2008 e Premio The Withe Ravens, 2009; "Dez abellas na laranxeira" (Xerais 2008), conto infantil; ''O coitelo en novembro'' (Xerais 2010); "Catro cascarolos" (Xerais 2016), conto infantil; e "Nogard" (1994, Xerais 2022), novela xuvenil. Boa parte da súa obra foi traducida a todas as linguas peninsulares.
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Puede obtener más información
aquí
o cambiar la
configuración.
Los lectores opinan
No hay comentarios, sé el primero en comentar