Eduardo Pondal (Eduardo María González-Pondal Abente) (Ponteceso, Bergantiños, 1835- A Coruña, 1917), de orixe fidalga, estudiou gramática latina da man dun parente crego. En 1848 instalouse en Santiago para cursar o Bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira de Medicina. No compostelán Liceo de la Juventud coñecerá a Rosalía, Murguía e Rodríguez Seoane, con quen partillará inquedanzas culturais. No transcurso do Banquete de Conxo (1856), un encontro confraternizador entre artesáns e estudiantes, Pondal daríase a coñecer coa lectura dun poema en español titulado "Brindis". Tras licenciarse en Medicina en 1860, Pondal estableceuse en Ferrol como médico da Armada Española. Neste ano saíu á luz no Álbum de la Caridad "A campana de Anllóns", o seu primeiro poema en galego. Un ano máis tarde preparou oposicións en Madrid para ingresar no corpo de Sanidade Militar, mais, tras conseguir un posto en Asturias, deixou a praza e abandonou de maneira definitiva a profesión médica. Desde entón dedicouse por completo ao cultivo da poesía. Instalado desde entón na súa vila natal e na Coruña, Pondal contactou co hipotético pasado celta da Galiza na tertulia da Libraría Carré, alcumada "Cova Céltica", e accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James Macpherson. Pondal asumirá entón o papel de "bardo" da nación galega, exercendo como guía e intérprete da rota a seguir. No ano 1877 saíu do prelo Rumores de los pinos , un conxunto de vinteún poemas en galego e español que servirá de base a Queixumes dos pinos (1886). Esta obra recupera da versión bilingüe as composicións en galego, inclúe aínda algúns dos poemas en español agora traducidos e coñecerá diversas ampliacións nas edicións seguintes. "Os pinos", xurdido das sucesivas reelaboracións de Rumores de los pinos, conformará o himno galego, con música de Pascual Veiga. O trazo máis acusado da súa personalidade literaria foi, sen dúbida, a clara consciencia da dimensión artística da súa obra que o levou a revisar constantemente as súas creacións, mesmo as xa publicadas. Neste sentido, non resulta estraño que de Os Eoas , un extenso poema épico baseado na descuberta do continente americano, o autor só publicase un primeiro esbozo en 1858.
Leer todo
Leer menos
Opiniones
Opiniones
No hay comentarios, sé el primero en comentarValoración media
¿Has leído este libro?
Valóralo y comparte tu opinión con otros usuarios
Escribir mi opinión