Un afamado escritor, con problemas cardíacos e de creatividade, recibe un suposto agasallo en forma de historia por parte dun ancián moribundo co que comparte cuarto de hospital. O...
Más información
Un afamado escritor, con problemas cardíacos e de creatividade, recibe un suposto agasallo en forma de historia por parte dun ancián moribundo co que comparte cuarto de hospital. O breve e intrigante relato, que aparentemente ten que ver con Castelao e con certos acontecementos tráxicos da posguerra galega, aviva a curiosidade do escritor, polo que iniciará unha investigación na que, en principio, non cre.
Concibida como remate da Triloxía da Ribeira Sacra, «O baile dos estorniños» fusiona de xeito maxistral unha investigación actual, a cargo do escritor e mais dun personaxe con alma de detective, o Reina, cunha escura e sorprendente trama do pasado. Nela mestúrase con poderoso trazo a decadencia dunha familia fidalga (e a vida de criados, labregos e veciños que traballan arredor do pazo no que mora) coa persecución das partidas de fuxidos do sur de Lugo, o roubo de bebés e a represión do franquismo durante a Guerra Civil e a posguerra.
Logo de varios anos de silencio, reaparece Xabier Quiroga na narrativa galega. Faino para, combinando realidade e ficción e apoiado nunha lingua vizosa de seu, mergullarnos no espazo épico da Ribeira Sacra (centrado esta vez no pazo de Tor, e co lugar de Albaredo, o mosteiro das Bernardas e o pantano de Bouzuás como elementos destacados) e ofrecernos unha historia dura e cativadora na cal ninguén é quen cre ser e case nada do que nos contaron coincide exactamente coa realidade.
Xabier Quiroga deuse a coñecer con «Atuado na braña» (Xerais, 2002), novela longa que recibiu unha calorosa acollida da crítica (Premio Losada Diéguez 2002, Finalista do Premio Arcebispo San Clemente 2002 e do Premio Novela Europea Casino de Santiago 2002). A seguir entregou unha pequena alfaia literaria, «Era por setembro» (Xerais, 2004), novela de formato máis breve que seduciu pola «emoción que destila no recanto de cada páxina». Volveu tras os pasos da súa primeira novela en «Se buscabas un deus» (Xerais, 2006), unha reflexión sobre o futuro que nos agarda.
As súas seguintes achegas consolidárono como un autor de referencia nas letras galegas: «O Cabo do Mundo» (Xerais, 2009) e «Zapatillas rotas» (Xerais, 2014) outorgáronlle os Premios da Crítica de 2010 e de 2015, respectivamente; e a sorprendente «Izan o da saca» (Xerais, 2015) recibiu o Premio Arcebispo San Clemente 2016 e mais o favor do público lector.
Esta última novela, «O baile dos estorniños» (Xerais, 2021), tendo en común con «O Cabo do Mundo» e «Izan o da saca» a investigación histórica e a presenza do personaxe Reina, culmina a súa Triloxía da Ribeira Sacra.
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Puede obtener más información
aquí
o cambiar la
configuración.
Los lectores opinan
No hay comentarios, sé el primero en comentar