Aroa, Xacobe, Nico, Beatriz, Óscar, Piero e Mía deciden viaxar xuntos por Europa en Interrail ao rematar o Bacharelato. Descubrirán a vida en liberdade e a complexidade das relació...
Más información
Aroa, Xacobe, Nico, Beatriz, Óscar, Piero e Mía deciden viaxar xuntos por Europa en Interrail ao rematar o Bacharelato. Descubrirán a vida en liberdade e a complexidade das relacións persoais, marcadas polo carácter de Xacobe.
Dez anos despois da viaxe, Nico atopará en Berguen, unha postal que lle revelará certa información que provoca nel un cuestionamento da súa vida actual e a necesidade de resolver as dúbidas sobre a traxedia que os envolveu ao seu regreso da viaxe de tren. Malia as reticencias de Aroa a revolver no pasado, Nico logra contactar c@s compañeir@s de viaxe e organiza unha festa de reencontro a partir da cal irán aflorando todos os matices que permitirán aclarar as causas daquel fatídico acontecemento.
Novela coral de intriga psicolóxica, a historia alterna lugares, personaxes e tempos narrativos no seu avance cara o descubrimento dunha verdade inexorábel, capaz de cambiar o rumbo das vidas dos seus protagonistas. A liberdade das viaxes, a identidade ou a procura do amor son algunhas das constantes deste relato que afonda na esencia da mocidade, tan efémera no tempo como perdurábel na memoria.
Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega, en Filoloxía Hispánica e tamén doutora pola UDC.
Publicou a súa primeira novela, ''Proxecto Bolboreta'' (Premio Micronovela do Concello de Soutomaior) no ano 2007. Desde entón leva doce obras publicadas, todas elas destinadas ao público infantil e xuvenil, e moitas delas recoñecidas con premios a nivel autonómico e nacional.
En 2010 publica ''Violeta tamurana'', Premio Meiga Moira, galardón que volve acadar con ''Miña querida Sherezade'' no ano 2014. En 2013 sae á luz a súa novela ''Nubes de evolución'', finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia e Premio Fervenzas Literarias. Con ''Volverás, golfiño'' queda finalista do Premio Merlín. En 2015 gañou o Premio Jules Verne por ''Europa Express'' e en 2017 foi finalista do Premio Raíña Lupa por ''O que sei do silencio''. Con ''Conta nove estrelas'', obra incluída na lista de honra da OEPLI en 2019, gañou o Premio Lazarillo 2018, así como o Premio Frei Martín Sarmiento. En 2020 gaña o Premio dos Clubs de Lectura da Consellería de Educación e obtén o Premio Merlín por ''A folla azul''. No ano 2021 faise co Premio Raíña Lupa por ''Que me pare o corazón se te esquezo'' e, ao ano seguinte, gaña o XIX Premio Anaya coa novela ''Alma de elefante''.
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Puede obtener más información
aquí
o cambiar la
configuración.
Los lectores opinan
No hay comentarios, sé el primero en comentar