Moreniña por te ver
Pasei o mar da Marola
A piques de me perder.
Velaí a apoteose do cancioneiro tradicional coruñés. Tríade céltica -como diría don Manuel Murguía- na forma. E unha mensaxe definitiva no fondo: Cómpre arriscalo todo para procurar a beleza.
A Coruña, luz e vento, unha pedra chantada no Atlántico. E a Torre, ese xigante, entre as Mariñas e a Costa da Morte, facho acendido para abrir camiños no Océano, ou -o que é o mesmo- para abrir camiños entre todos os misterios.
Ruído, fume, cemento... a pátina urbana tolda ás veces a percepción dos habitantes desta cidade, e non nos permite sentir as magnitudes cósmicas -pedra, mar, luz e vento- entre as que armamos a nosa vida.
Afortunadamente chegou Gwendolyn, unha nova ética na mirada, para nos dar perspectiva.
Vén de Oriente de Lonxe, vén de Taiwán, a illa Formosa como lle dixeron os portugueses. E quizá por iso, porque chegou literalmente do outro lado do mundo, sintonizou directamente con ese misterio de luz que se chama A Coruña. Milagre da realidade, tal e como o formulou a poeta Luísa Villalta no seu libro En Concreto:
O meu nome é o da Cidade Alta
Nacido onde a luz e o mar
Se están orixinando mutuamente
A Coruña, nau enfeitizada -dixo Devesa Monterroso-, mar da serpe, luz, pedra, auga, vento, e nós dentro. Aquí, en concreto, onde xermola a cada instante a marabilla. Milagre do cotián que estoupa nos beizos cada vez que pronunciamos a palabra máxica: Orzán!
Embarquemos pois neste libro-manifesto. Contra o frío desacougo do cemento, a mirada de Gwendolyn Luo. Destino: beleza, a mellor travesía de futuro para esta cidade barco que se chama A Coruña.
Ai! Moreniña por te ver...
Xurxo Souto
A Coruña, xuño 2008
Leer todo
Leer menos
Opiniones
Opiniones
No hay comentarios, sé el primero en comentarValoración media
¿Has leído este libro?
Valóralo y comparte tu opinión con otros usuarios
Escribir mi opinión